Monday 13 de May de 2024

O Concello paraliza a obra que pretendía facer o Ministerio polo interior do Parque do Paraíso


O Concello de Oleiros paralizou esta mañá as palas do Ministerio de Transición Ecolóxica que pretendían crear a conexión coa nova zona pública do Seixo cruzando polo medio do Parque municipal do Paraíso, deixando así sen paseo marítimo todo ese tramo desde Beiramar ata Cambre.

O Concello comunicou en 3 ocasións a distintos responsables da administración do Estado que non permitiría baixo ningún concepto que se utilizase o parque municipal para deixar sen facer o paseo polo linde costeiro. Precisamente con ese obxectivo, previamente, foron talados por parte do Ministerio case todos os eucaliptos que había na franxa costeira.

Esta mesma mañá, o alcalde falou co Delegado do Goberno en Galicia sobre este asunto, acordando a celebración dunha reunión a próxima semana para aclarar definitivamente o trazado do paseo. É de lamentar que o xefe da Demarcación de Costas da Coruña faga oídos xordos aos acordos tomados co seu antecesor e pretenda ignorar tamén os compromisos que se toman en instancias superiores da administración do Estado.

O Concello de Oleiros non tolerará baixo ningún concepto a construción dun paseo polo interior do parque. O paseos marítimos teñen que estar pegados ao mar.